A Xunta esixe unha actuación “leal, coordinada e comprometida” de todas as administracións para garantir o futuro de Alcoa

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co equipo directivo de Alcoa para avaliar a situación na que se atopa a planta de San Cibrao, logo de que a empresa anunciase o aprazamento temporal dos investimentos previstos nestas instalacións.

En declaracións aos medios ao termo da xuntanza, Lorenzana exixiu unha actuación “leal, coordinada e comprometida” de todas as administracións para garantir a viabilidade futura da factoría de Alcoa na Mariña. Nese sentido, asegurou que “é moi importante” a reunión
convocada polo Ministerio de Industria para o vindeiro venres que Galicia solicitou a pasada semana. Un encontro, engadiu, no cal “será fundamental o papel da Administración do Estado” e a súa “sensibilidade” para articular medidas específicas para as empresas electrointensivas que permitan evitar o desmantelamento de empresas como Alcoa, abondou.

Neste contexto, a conselleira demandou a Alcoa “transparencia absoluta” e avanzou que existe un compromiso pola súa banda de reunirse co comité de empresa para concretar aos traballadores cal é o escenario que contemplan para a planta a medio prazo.

Lorenzana reiterou o “compromiso absoluto” da Xunta de Galicia coa factoría de San Cibrao e co emprego en toda a comarca, pero demandou a colaboración de todas as administracións implicadas. “Temos que loitar todos para que a situación da planta poida mellorar e teñamos para o 2024 unha axenda coa que continuar con eses compromisos de investimento que se asinaron en 2021 e se reformularon en febreiro deste ano”, aseverou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com