Muralla Lugo Muralla Lugo

A Xunta está a limpar a Muralla e preparando un ensaio masivo con aceites esenciais

A Xunta está a limpar os paramentos da Muralla e preparando un ensaio masivo con aceites esenciais que se aplicará no outono para bloquear a xerminación da vexetación.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se administrará o tratamento entre a Porta Falsa e a Porta da Estación e estudarase a evolución durante catro meses para validar a súa eficacia. Os estudos preliminares demostraron que pode ser un método válido, especialmente contra a parietaria xudaica, a especie que supón entre o 90 e o 95% das plantas que medran nos muros da Muralla.

Neste proxecto colabora a Universidade de Santiago de Compostela a través do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría e do departamento de Botánica do Campus de Lugo. Serán os expertos neste campo os que decidirán o momento en que procede iniciar o ensaio atendendo ao desenvolvemento da planta, que presenta unha xerminación máis abundante no outono e principios do inverno, cando os muros están húmidos. Poderían estenderse dúas aplicacións, unha en novembro e outra entre decembro e xaneiro.

Esta proba masiva vén precedida de anos de estudo, análises en laboratorio e ensaios parciais en áreas máis pequenas con diferentes aceites esenciais, que foron dando resultados satisfactorios. Hai dous anos aplicáronse sobre catro lenzos no entorno dos cubos VI e VII -na zona da porta do Bispo Odoario- co resultado dunha redución do 80% da vexetación xerminada con respecto ao resto dos muros.

As esencias que se aplicarán nesta ocasión serán de ourego e tomiño, que se revelaron como as más eficaces como herbicidas naturais. Distribuiranse sobre os muros limpos, para que poidan introducirse nos ocos á busca da semente e inhibir a súa xerminación. Procúrase con isto que a técnica de limpeza empregada sexa o máis harmónica e respectuosa posible coa preservación da vida natural e os ciclos reprodutivos das especies que nidifican no monumento.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com