A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou as obras de construción da senda peonil e ciclista que unirá A Pobra de San Xiao coa urbanización de Valdriz, no concello de Láncara.
O delegado terrritorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que veñen de comezar os traballos sobre o terreo, que teñen un prazo máximo de execución de oito meses e servirán para conectar as beirarrúas da travesía da Pobra co acceso á urbanización de Valdriz, habilitando un percorrido seguro para os peóns na marxe esquerda da estrada LU-621. A obra ten un orzamento de adxudicación próximo aos 610.000 euros.
A senda terá en total 460 metros de lonxitude. Os primeiros 400 metros construiranse en formigón coloreado cun ancho de 2 metros. Nos últimos metros atópase a ponte sobre o río Neira, que será ampliada mediante unha lousa de formigón.
Ademais, ampliarase a plataforma da estrada, que pasará dos 5,5 metros actuais a 7 metros; mellorarase o trazado da vía na entrada á ponte, coa ampliación do radio da curva; e reformarase a intersección que existe no acceso á urbanización de Valdriz, construíndo unha glorieta neste punto para facilitar os xiros en condicións de seguridade.
A Xunta convocou para o vindeiro día 14 de novembro ás persoas titulares das fincas afectadas pola execución destas obras para o pagamento dos depósitos. Os propietarios deberán acudir ao salón de pleno do concello de 10:00 a 11:00 horas