A Xunta presentou hoxe o Proxecto integral para o impulso do turismo cultural en Lugo, un plan que propón rehabilitar o Cuartel de San Fernando e dotalo de novos usos para impulsar Lugo como referente neste eido. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo unha xuntanza coa plataforma cidadá que aposta pola rehabilitación deste inmoble co fin de coñecer as súas motivacións e expoñer a proposta do Executivo autonómico para este emprazamento e para o resto da cidade co obxectivo de que desenvolva “o seu enorme potencial no ámbito cultural e turístico”.
A proposta en positivo da Xunta, resultado dun estudo de viabilidade realizado por profesionais de recoñecido prestixio neste ámbito, recolle a creación dun Parador-Museo no Cuartel de San Fernando cun espazo de musealización in situ que permita difundir o valioso patrimonio achado entre os lucenses e os visitantes. Trataríase dun Parador de catro estrelas tematicamente orientado á romanización de Lugo e Galicia que, segundo as estimacións realizadas, suporía un impacto económico de 1,6M€ no seu primeiro ano e xeraría un mínimo de 30 empregos directos, ademais do efecto multiplicador na zona.
Tal e como explicou o responsable de Cultura e Turismo, o custe aproximado deste proxecto roldaría os 10,8 millóns de euros e a Xunta comprométese a custear o 50% deste importe, mentres que o outro 50% debería ser achegado polas distintas institucións implicadas. Neste sentido, chamou á suma de vontades, o que contribuirá a impulsar a oferta cultural e turística da cidade, ao tempo que favorece a recuperación deste emblemático inmoble.
Román Rodríguez subliñou que o modelo do Parador é o adecuado para a posta en valor deste espazo declarado Ben de Interese Cultural, pois 45 dos 97 paradores existentes en España localízanse en emprazamentos declarados BIC. Destacou ademais que esta infraestrutura suporía un “importante revulsivo da oferta turística”, xa que a ocupación media dos establecementos da empresa pública se sitúa no 74% fronte ao 52% de Lugo.
Tamén apuntou que o proxecto favorecería a internacionalización do destino, xa que a media de visitantes estranxeiros nos establecementos de Paradores é do 36% fronte ao 15% da capital lucense, o que propiciaría a captación dun novo perfil de viaxeiro e suporía un respaldo para a oferta existente e mesmo para a creación de novos establecementos, sen xerar competencia coa planta de aloxamento e os negocios en funcionamento.
“Lugo é a peza que falta en Paradores”, declarou o conselleiro, quen salientou que a protección e posta en valor do BIC en San Fernando é “á motivación nuclear” do proxecto e detallou a súa incidencia no territorio, xerando de riqueza, dinamización cultural e proxección como destino urbano e cultural de referencia. Ao respecto, lembrou que Paradores conta na actualidade cun club de clientes fidelizados dun millón de membros.
O proxecto dun parador de turismo no Cuartel de San Fernando, aberto á cidadanía a través do espazo expositivo e de toda unha serie de propostas de actividades complementarias, permitiría dotar á cidade dunha infraestrutura de aproximadamente 45 habitacións e máis de 100 prazas, tres salóns para albergar un total de 175 persoas así como un restaurante e un salón de almorzos enfocados ao produto local con capacidade para 75 comensais.
Dec 11, 2019 - 09:42 PM
Veremos o que tarda. Por que sin tempo non é