A Xunta facilita ás familias de Rábade unha Casa Niño

A Consellería de Política Social facilita un novo recurso de conciliación gratuíto ás familias do concello de Rábade co impulso da Casa Niño ‘O meu ben’, que presta atención a nenos e nenas de 0 a 3 anos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o centro, que iniciou a súa actividade en xuño na Avenida de Vilalba e conta con cinco menores inscritos. O servizo préstase en horario flexible entre as 08.00 e as 16.00 horas.

As instalacións puxéronse en marcha co apoio da Administración galega a través da convocatoria de axudas do ano 2018, que na provincia de Lugo tamén supón a apertura de novas casas niño nos concellos do Páramo e Triacastela. En total, son 16 os centros destas características que apoia a Xunta na provincia de Lugo.

Balseiro incidiu na importancia de facilitar recursos de conciliación e atención á primeira infancia nos concellos rurais e nese sentido, lembrou que a Consellería de Política Social continuará a subvencionar a actividade das casas niño que en 2019 rematan a experiencia piloto, que tiña unha duración de tres anos.

As Casas Niño son un recurso sen custo para as familias pensado para os concellos máis pequenos -con menos de 5.000 habitantes- nos que non exista ningún outro servizo de atención continuada á infancia de 0 a 3 anos.

A Consellería de Política Social activou a finais de xullo a cuarta convocatoria de axudas para seguir a estender a rede de Casas Niño en todo o territorio -actualmente xa se atopa pechado o prazo de presentación de solicitudes-. Está dotada con 1,1 millóns de euros para crear 15 novos centros deste tipo en Galicia.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com