A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade notificoulles hoxe aos concellos a resolución das axudas do programa Aprol Rural, que permitirá contratar a 99 persoas desempregadas para desenvolver labores de prevención de incendios forestais na provincia de Lugo.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou que as achegas acaban de ser aprobadas e comunicadas ás entidades locais. Suman case 1,4 M€ (1.391.840 euros) e benefician a 66 municipios lucenses.
A actividade que desenvolverán estes traballadores estará relacionada maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes e a xestión da biomasa.
Segundo o establecido nas bases da convocatoria, os contratos son a tempo completo e teñen unha duración de nove meses. Os apoios inclúen a contía de todos os custos salariais por cada persoa contratada, segundo o convenio colectivo vixente. As administracións locais incorporan entre un e tres traballadores e para a súa asignación teñen preferencia os concellos emprendedores e os fusionados.
En canto ao reparto por comarcas, na Mariña destínanse 349.250 euros a financiar 25 contratos; na Zona Sur a Xunta apoia 22 traballadores cun investimento de 307.340 euros, e a Terra Chá e Meira reciben 209.550 euros para 15 empregados.
Na comarca de Lugo as axudas suman 181.610 euros para promover 13 contratos; na área de Sarria facilítase a incorporación de nove persoas desempregadas coa concesión de 132.000 euros; nas comarcas da Fonsagrada e Os Ancares outras nove con 128.260 euros; e na Ulloa seis con apoios por importe de 83.820 euros.