A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará a posta en marcha de 20 obradoiros de emprego en 50 concellos da provincia de Lugo. Deste xeito, a Xunta atende o cen por cen das solicitudes formuladas polos concellos lucenses.
Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro quen indicou que, para o desenvolvemento destas iniciativas destinaranse máis de 5,5 millóns de euros, un investimento que supera nun 37% a achega económica realizada na convocatoria do ano anterior.
A posta en marcha dos obradoiros de emprego permitirá a contratación de 472 persoas, incluíndo os 392 alumnos-traballadores e, a maiores, o persoal de dirección, monitores e persoal administrativo.
A actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria combina, a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.
No caso concreto da nosa provincia, dous destes obradoiros (Lugo e Ribadeo) forman parte do programa de Emprego Xuvenil. Terán unha duración de seis meses e están especialmente destinados a menores de 30 anos. Por outra banda os 18 obradoiros restantes, ofertaranse na modalidade dual.