A Xunta de Galicia destina 119.100 euros a financiar melloras en escolas infantís municipais e Puntos de Atención á Infancia (PAI) de seis concellos da provincia de Lugo: Trabada, Antas de Ulla, Vilalba, Lugo, Castro de Rei e A Pastoriza.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que estes apoios se enmarcan na liña de axudas a concellos para realizar actuacións en centros de atención á infancia de 0 a 3 anos. As achegas contan con financiamento por parte do Programa Operativo Feder Galicia2014-2020 e van dirixidas a sufragar obras de adecuación e mellora de infraestruturas, da accesibilidade, a adquirir novo equipamento -incluído mobiliario interior e exterior e material didáctico e de xogo- e a integrar as novas tecnoloxías nas aulas, mediante a dotación de conexión a internet e de dispositivos tales como ordenadores ou encerados dixitais.
Balseiro salientou que estes investimentos son “unha mostra máis do compromiso da Xunta coa calidade da atención educativa na que é a primeira etapa da aprendizaxe dos nenos e nenas, que supón un piar fundamental no seu desenvolvemento e que precisa duns espazos axeitados ás necesidades, intereses e competencias dos pequenos destas idades”.
Ademais das liñas de axudas para investimentos, outras medidas que forman parte do programa de apoio á natalidade (PAN Galicia) son os bonos Coidado e Concilia, as Casas Niño ou a posta en marcha de novas escolas infantís en contornos laborais.