A Xunta forma en compostaxe a operadores de explotacións agrarias de CRAEGA

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través de Sogama, desenvolveu no Concello de Monforte unha actividade de formación en compostaxe a operadores de explotacións agrarias adscritas ao Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). A xornada tivo lugar o pasado 16 de outubro na sede que o Consello ten no Edificio Multiusos de Monforte.

Tal e como anunciara a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita ás instalacións da explotación ecolóxica Orballo en setembro, Craega adheriuse ao programa de autocompostaxe de Sogama. En virtude desta colaboración, a empresa pública entregará ao Consello Regulador un total de 100 compostadores, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, para que sexan distribuídos entre outras tantas explotacións agrarias adscritas a este organismo, encargado do control e certificación das producións ecolóxicas na nosa comunidade.

Coa finalidade de que dito recipiente cumpra a súa función e se lle saque o maior rendemento ao mesmo, técnicos de Sogama imparten un curso de formación presencial orientado para formalos na importancia de recuperar a materia orgánica a través da súa transformación en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o chan.

Así, proporcionanse as claves para desenvolver a técnica de forma adecuada: desde a propia localización do compostador, que debe estar nun lugar adecuado e en contacto coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descomponedores, até o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.

Esta xornada formativa aproveitouse para entregar aos asistentes os recipientes, así como manuais didácticos de apoio nos que se detalla o procedemento a seguir e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes. Esta iniciativa na que colabora Craega enmárcanse nun proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal que leva por nome  Res2ValHum e no que Sogama participa en calidade de socio, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela e a empresa CVAN. O obxectivo desta iniciativa é precisamente impulsar a reciclaxe da materia orgánica a ambos os dous lados da fronteira e evitar a súa vertedura, indagando en novas aplicacións para o compost que van máis aló da súa utilización como fertilizante.

A día de hoxe, 311 entidades de toda Galicia atópanse adscritas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, repartindo entre as mesmas preto de 10.900 compostadores. A fin de complementar a formación presencial, Sogama puxo en marcha no seu momento un sitio web específico www.compostaconsogama.gal, no que se recolle toda a información sobre esta iniciativa, así como recursos de gran interese para afianzar coñecementos. É o caso de contidos online, contos infantís, xogos interactivos, etc.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com