A Xunta formaliza o contrato para o novo CEIP Sagrado Corazón

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) a formalización do contrato de redacción do proxecto básico e de execución da construción dun novo edificio para o CEIP Sagrado Corazón.

A firma de arquitectura adxudicataria dos traballos ten agora un prazo de dous meses para presentar o proxecto técnico e o departamento educativo da Xunta de Galicia traballa coa previsión de licitar a obra de construción do novo centro antes de que remate este ano. Compre lembrar que o Goberno galego investirá máis de 4 millóns de euros na construción, en dúas fases, do centro. As obras estarán cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, avanzou estes datos no transcurso dunha xuntanza, que tivo lugar esta mañá, con representantes da asociación de nais e pais do alumando e cos integrantes do equipo directivo do colexio.

Deste xeito a Xunta quere dar resposta, por unha banda ás necesidades de escolarización do municipio e, pola outra, á necesidade de mudar o actual emprazamento, toda vez que agora o colexio está situado nun edificio de Abanca ao abeiro dun convenio cuxa vixencia remata en 2018. En calquera caso, a Consellería garante unha prórroga a este convenio ata a finalización da construción dun novo colexio.

O novo CEIP Sagrado Corazón será de liña 2 (18 unidades, 450 alumnos) e dará servizo ao alumnado do barrio Sagrado Corazón e o seu contorno, asumindo a zona de influencia do CEIP existente e, ademais, aos futuros escolares residentes nas novas vivendas que xurdirán como consecuencia do desenvolvemento dos novos polígonos de uso residencial previstos no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Así, contémplase a construción de 6 aulas de educación infantil con aseos incorporados cada dúas aulas, 12 aulas de educación primaria, ademais de 4 aulas de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música, aula de informática, biblioteca e ximnasio. Ademais disporase zona de administración e servizos comúns, así como un comedor con office para catering. Na segunda fase executaranse os equipamentos deportivos, cunha pista polideportiva cuberta de estrutura lixeira facilmente desmontable, pista descuberta, patios e espazos libres. En total estímase necesaria unha construción de en torno a 3.000 m² de superficie construída.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com