A Xunta impulsa nas Nogais o sector agropecuario, o turismo e os servizos sociais

A Xunta de Galicia impulsará o sector agrogandeiro, o turismo e os servizos sociais no Concello das Nogais con un investimento de 2,1 millóns de euros. Así o confirmou hoxe o delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, durante a visita a un novo miradoiro construído en Doncos.

Balseiro destacou a importancia deste tipo de actuacións para un municipio “que ten no patrimonio natural e cultural o seus principais recursos para o desenvolvemento económico e turístico”. De feito, engadiu, a cuarta parte do orzamento que destina o Goberno galego a este concello está orientado a accións de mellora da paisaxe e de potenciación dos recursos turísticos.

Entre elas, figuran proxectos financiados pola Consellería do Medio Rural a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-Courel: O miradoiro sobre o val do río Navia ao seu paso polo castelo de Doncos, a creación de dous puntos de recollida de plásticos agrícolas no núcleos de poboación de Nullán e Doncos, e a adecuación do entorno fluvial de Fotecabada, no rego de Alence.

O delegado subliñou que As Nogais recibiu do GDR na última convocatoria 134.000 euros en axudas para cinco proxectos non produtivos, entre os que tamén figura a adquisición dun vehículo para servizo no fogar e a dotación de puntos de información en todos os núcleos do concello.

A Consellería de Cultura e Turismo destina 29.300 euros á iluminación ornamental de varios monumentos do municipio, e inviste 52.700 euros nunha actuación de xeolocalización de xacementos arqueolóxicos da que se beneficia As Nogais, entre outros concellos. O departamento de Medio Ambiente destina 10.000 euros á mellora da paisaxe en Forcas.

Neste sentido, o concello recibiu unha achega da Xunta de 32.000 euros para a adquisición de equipamento para o servizo de protección do medio ambiente, e mesmo o obradoiro de emprego que comparte con Baralla e Becerreá, financiado pola Consellería de Economía con 288.800 euros, actuará sobre o patrimonio etnográfico do municipio, acondicionando o lavadoiro de Lamazas e rehabilitando a fonte pública de Nullán así como un camiño en Alence.

Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural inviste máis de 1,3 millóns de euros no impulso á actividade agrogandeira e forestal, ben a través de axudas directas aos agricultores ben a través da mellora das infraestruturas, como a mellora de cortalumes, o arranxo de pistas e camiños e a dotación de medios de prevención e loita contra o lume.

Igualmente, o concello recibe 152.400 euros do Fondo de Cooperación Local que pode destinar ás obras ou servizos que estime convenientes; 48.000 euros para a contratación de persoal (un socorrista e catro traballadores de distintos servizos a través do Aprol Rural), e 112.500 euros para o servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia, entre outros recursos que achega o Goberno galego.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com