A Xunta de Galicia impulsou durante este ano obras en 45 municipios lucenses que se financiaron con preto de 3 millóns de euros procedentes do canon eólico. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, fixo balance destes proxectos e estimou que cos 16 novos parques que están actualmente en tramitación, o orzamento anual destinado á provincia medrará en case 700.000 euros.
O delegado lembrou que este imposto de carácter autonómico foi creado no ano 2010 “a iniciativa do Goberno do Partido Popular, e co voto en contra de socialistas e nacionalistas, porque queríamos compensar aos concellos pola afectación paisaxística dos muíños e as servidumes de paso das liñas”.
“Este imposto recadado pola Xunta -engadiu- distribúese entre os concellos en base a criterios obxectivos a través do Fondo de Compensación Ambiental”, explicou. A liña non competitiva financiou ao 100 por cen os proxectos presentados por 30 concellos lucenses afectados por instalacións eólicas, por valor conxunto de 2,3 millóns de euros. Na liña de concorrencia competitiva, á que poden optar todos os concellos galegos, concedéronse na provincia 13 axudas para 15 municipios máis as mancomunidades da Mariña e da Terra Chá, por importe de 504.000 euros -o 68 por cento do investimento apoiado-.
Con estas contías, os concellos acometeron obras de restauración e conservación medioambiental, como mellora de puntos limpos, saneamentos, depuradoras, sendas peonís, iluminación pública, mantemento de espazos naturais, mobiliario urbano ou adquisición de maquinaria, entre outras, ou ben contrataron persoal para os servizos relacionados con esta materia.
“Cando afirmamos que a provincia de Lugo aspira a ser a capital eólica de Galicia, estamos expresando a vontade firme e decidida da Xunta de que a nosa provincia lidere este sector nos próximos anos na nosa Comunidade”, sinalou Balseiro.
Neste sentido, subliñou que os 16 novos parques eólicos declarados polo Goberno galego “de especial interese” -o que reduce á metade os trámites administrativos para a súa posta en marcha– supoñen o 66 por cento dos previstos en Galicia e deben estar operativos o 1 de xaneiro de 2020.
“Falamos de actuacións que sumarán 405,7 millóns de euros de investimentos, crearán 5.600 empregos directos e indirectos na construción e 75 empregos para o mantemento, e reportarán aos concellos lucenses 33 millóns de euros durante este ano polos impostos locais de construción e explotación”, asegurou o delegado.