O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, asistiu esta tarde en Lugo ao inicio do curso Creación e consolidación empresarial, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e conxuntamente coa Fundación Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (Incyde). Esta acción de formación e asesoramento enmárcase nos apoios que a Administración autonómica ofrece a empresarios, autónomos e emprendedores afectados pola vaga de incendios do pasado mes de outubro.
O curso, cofinanciado nun 80% polo Fondo Social Europeo (FSE), desenvolverase ao longo de sete semanas e inclúe titorías adecuadas ás necesidades dos proxectos para facilitar a consolidación de novas iniciativas empresariais e para faciltiar o autoemprego e crecemento de empresas na provincia.
Mediante esta iniciativa prevese facilitar, durante este ano, formación e asesoramento a máis de 250 autónomos, emprendedores e empresarios, preferentemente nas diferentes comarcas afectadas polos incendios rexistrados en Galicia durante o ano pasado, a través de 12 cursos. En Beade e Ponteareas xa se desenvolveron os dous primeiros cursos, que remataron o pasado mes de abril e nos que participaron máis de medio cento de emprendedores e autónomos. A semana pasada comezaron en Monforte de Lemos (Lugo) e un segundo curso en Ponteareas (Pontevedra) e hoxe ábrese tamén o de Bande (Ourense).
Esta iniciativa pretende acelerar a implantación e o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, aumentando as probabilidades de éxito das ideas impulsadas por autónomos, emprendedores e empresarios, facilitando a súa posta en marcha ou a súa consolidación nas primeiras fases.
Con asesoramento nos ámbitos do emprendemento e o autoemprego, os participantes accederán a unha visión global das distintas áreas funcionais dun negocio. Deste xeito, os alumnos poderán avanzar no desenvolvemento do seu plan de empresa e localizar oportunidades no mercado, contando con ferramentas de xestión para facilitar a posta e a consolidación dos seus proxectos.