O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) do patrimonio inmaterial a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia. Á hora de elaborar o expediente —que supón a súa protección patrimonial inmediata— os técnicos da Xunta de Galicia tiveron en conta que se trata dunha manifestación “sobranceira” da Comunidade e dunha das poucas tradicións vivas que “evocan a entidade política histórica de Galicia”.
A incoación valora tamén que se manteña de xeito ininterrompido durante máis de tres séculos e medio “reflectindo o carácter de unión do pobo galego” e que constitúe un “feito único” dentro das poucas manifestacións inmateriais vivas.
Anualmente, o domingo seguinte ao Corpus Christi ten lugar en Lugo un acto institucional e relixioso no que participan os mandatarios das antigas capitais do Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui. Trátase da ofrenda ao Santísimo e a súa posterior procesión pola cidade, coa que se compre co voto solemne feito no ano 1669 —ante as dificultades económicas da Catedral de Lugo— de dotala dunha renda anual coa que iluminar o Altar Maior.
Ofrenda que abarca historicamente a toda Galicia
Precisamente, na resolución recóllese como un “aspecto crucial“ que a Ofrenda abarca historicamente a toda Galicia, e non só a unha localidade concreta. Ademais, tamén salienta que se “adapta á perfección” a definición que dá a Unesco para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial ao reflectir un uso ou expresión que un grupo de individuos recoñece como parte integrante do seu patrimonio cultural, transmitíndoo de xeración en xeración, sendo celebrada constantemente por unha comunidade, supoñendo unha interacción coa súa historia e difundindo un sentimento de identidade e continuidade
Cómpre lembrar que se trata dunha tradición ligada á Catedral de Lugo, un ben incluído singularmente na declaración dos Camiños de Santiago do Norte de España, Patrimonio da Humanidade desde o ano 2015 polos seus extraordinarios valores artísticos, históricos e culturais, que mantén o privilexio papal da exhibición permanente do Santísimo Sacramento.
Valoración do PP de Lugo
A voceira popular Elena Candia valora a publicación esta mañá no Diario Oficial de Galicia a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial a Ofenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento
A popular aclara que o recoñecemento de BIC supón un salto cualitativo que temos que aproveitar a nivel cultural e tamén turístico xa que “ademáis de aumentar o prestixio da cidade, permite acceder a axudas económicas para a súa promoción e difusión e supón un incentivo para salvagardar esta tradición.