A Consellería de Cultura, Educación e Universidade ven de resolver as axudas do Plan de Mellora de Biblioteas Escolares (PLAMBE) para o curso 2021/22, ao que este ano se incorporan seis novos centros educativos da provincia.
Así o explicou o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, quen apuntou que o Goberno galego incrementou nesta convocatoria un 12,5% o orzamento desta iniciativa, que na provincia de Lugo achegará o próximo curso un total de 203.550 euros a 94 colexios e institutos para renovar fondos e mellorar mobiliario e equipamentos das súas bibliotecas. Todos os detalles da resolución poden consultarse no Diario Oficial de Galicia (DOG).
En canto á distribución por zonas, na Mariña hai 30 centros integrados no PLAMBE que reciben 60.850 euros; na Zona Sur forman parte desta medida 17 escolas que disporán de 40.700 euros para investir nas súas bibliotecas; e na comarca de Lugo son 20 que perciben 38.300 euros – 14 deles son da capital luguesa-.
Pola súa banda, a Terra Chá e Meira contan con 16 centros incorporados que suman 31.850 euros; no municipio de Sarria están integrados 4 colexios e institutos que disporán de 12.800 euros; nas comarcas da Montaña figuran cinco que ingresan 11.400 euros; e outros dous en Monterroso e Palas de Rei (7.650 euros).
Os de nova incorporación son o CEIP Virxe do Corpiño (Begonte), CEIP Rosalía de Castro (Bóveda), CEIP de Palas de Rei, CEIP do Vicedo e dous de Sarria: a Escola de Educación Infantil e o CEIP Antonio Fernández López.