A Xunta incrementa un 60% o orzamentos das axudas para paliar os danos do lobo

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá que a Xunta de Galicia incrementou nun 61,5% o orzamento destinado ás axudas para paliar os danos que provoca o lobo, co fin de compatibilizar a existencia desta especie coa gandaría extensiva.

Así o recordou durante unha visita realizada esta mañá a unha explotación na Pastoriza, onde recordou que os gandeiros que denuncian ditos ataques a través do 012 e -unha vez se constatan os danos- poden solicitar axudas e que para a presente convocatoria se establece un orzamento de case 650.000 euros para paliar os danos que provoca o lobo, fronte aos 400.000 destinados no ano anterior; polo que nos dous últimos anos se destinou máis 1 millón de euros en axudas para paliar os danos.

Salientou que estas non son as únicas subvencións que se convocan, pois os gandeiros tamén poden acceder a unha liña de incentivos para previr os danos, coas que se pode financiar a adquisición de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada. Así, nos últimos cinco anos, a Xunta reservou dez millóns de euros para previr e paliar os danos que provoca a fauna silvestre -lobo, xabaril e oso-.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que deste xeito a Xunta cumpre co compromiso adquirido co sector agrogandeiro, tomando medidas para protexer o mundo rural, publicando as axudas de prevención e danos das especies cinexéticas, buscando un equilibrio entre a xestión da especie e a actividade agrogandeira, cunha gran relevancia e peso na economía de Galicia.

Nese sentido, denunciou que o futuro destas explotacións será máis incerto coa medida que está a impulsar o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a inclusión do lobo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe). Unha decisión á que a Xunta se opón porque non implicaría unha mellor xestión do lobo, pero si grandes consecuencias para esta actividade clave no eido rural, por ser fonte xeradora de alimentos e ferramenta na loita contra o despoboamento.

A conselleira explicou que o departamento que dirixe, en colaboración e coordinación coas outras tres rexións ao norte do río Douro, están facendo o posible para que o Ministerio recapacite e pondere as consecuencias da súa decisión.

Por iso, as catro comunidades acordaron formar un comité técnico-científico para coordinar as medidas de xestión do lobo ibérico e tamén trasladaron directamente á ministra Teresa Ribera unha solicitude para liderar a estratexia nacional para a conservación do lobo Ibérico, por dúas razóns de calado: son os goberno autonómicos os que contan cunha maior información e cos coñecementos necesarios para controlar de maneira adecuada a especie e, no caso de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, as que acumulan á maioría de exemplares que existen en España.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com