A Xunta inicia as obras de rehabilitación integral do CEIP Ramón Piñeiro de Láncara

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional inicia hoxe as obras de rehabilitación integral do Centro Público Integrado (CPI) Ramón Piñeiro de Láncara, adxudicadas en 587.875 euros. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asistiu á sinatura da acta de replanteo coa que dan comezo os traballos que, explicou, continuarán durante todo o verán coa previsión de que estean rematados cando comece o próximo curso.

Balseiro subliñou que a intervención afectará á fachada, carpinterías e iluminación do edificio, entre outros aspectos, de modo que ademais de habilitar unhas instalacións máis confortables, redundará nun aforro do 41,2% no consumo de enerxía anual e dun 40,9% nas emisións de dióxido de carbono á atmosfera. “O colexio será máis moderno, acolledor, e axeitado ás necesidades da comunidade educativa -sinalou o delegado-, e tamén máis eficiente dende o punto de vista enerxético e medioambiental”.

Polo que respecta á fachada, instalarase un sistema de illamento térmico polo exterior, mentres que as ventás serán substituídas mediante a instalación dun dobre acristalamento con cámara de aire intermedia. Incluirase a renovación das caixas das persianas e os traballos complementaranse coa colocación de illamento térmico no forxado do baixo cuberta.

No tocante á iluminación interior, as lámpadas existentes cambiaranse por equipos LED, con detectores de presenza en zonas comúns e equipos de regulación multisensor. Tamén se prevén posibles actuacións na instalación de calefacción para reducir o consumo de gasóleo.

Igualmente, vanse realizar obras de reforma interior, incluída a redistribución dalgún dos espazos para atender ás necesidades do centro, como a sala de profesores, a biblioteca o vestiario, almacén ou dúas aulas de planta baixa. E procederase ao pintado do centro, mellora do falso teito, instalación dun porche na zona do comedor, ou modificación da porta de saída, entre outros detalles que mellorarán a funcionalidade e a estética das instalacións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com