A Xunta dirixiu un escrito ao Concello de Lugo no que solicita á administración municipal que arranxe a rede de colectores na LU-530 na travesía de San Eufrasio, despois de que se tiveran producido afundimentos na estrada.
A Xunta foi alertada pola Policía Local en abril do ano pasado sobre un afundimento no carril dereito desta vía á altura do nº 92 da rúa San Eufrasio. Tras recibir a comunicación, ao día seguinte a Administración autonómica realizou traballos de reforzo do firme para garantir a seguridade vial nese punto.
Posteriormente, fíxose unha inspección visual da zona e efectuouse unha análise dos servizos que discorren baixo a estrada, e concluíuse que debe existir unha rotura ou fuga na rede do saneamento, que trae como consecuencia a perda de material do paquete de firmes da estrada.
Así mesmo, hai unhas semanas observouse outro afundimento á altura do pq. 1,280 da estrada, no carril dereito e na beirarrúa, ao que se lle atribúe a mesma causa.
Nos dous casos, as perdas ou fugas na rede de colectores continúan a producir afundimentos na vía. A Xunta realizou reparacións en varias ocasións e puxo a situación en coñecemento do Concello, ao que solicita que realice as actuacións precisas para solucionar o problema, dado que a rede de sumidoiros é de competencia municipal.
A Administración autonómica subliña que é preciso que as reparacións se realicen antes de que comecen as obras de reforzo do firme que a Xunta prevé executar nos vindeiros meses nese treito da LU-530, concretamente entre a estación do ferrocarril (o punto quilométrico 0,00) e o enlace coa autovía A-6 (punto quilométrico 3,60).
Este é o tramo con maior intensidade de tráfico da rede de estradas autonómicas na provincia, cunha media de 10.000 vehículos ao día, dado que constitúe o acceso preferente á cidade polo leste e serve tamén para acceder ao hospital Lucus Augusti e á autovía A-6.