A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de instalar unha marquesiña na praza Maior de Muimenta, en Cospeito, para mellorar o servizo ás persoas usuarias do transporte público.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que neste punto da estrada autonómica LU-120 teñen parada seis liñas de autobuses do municipio, catro delas de transporte escolar e dúas xerais, de conexión con Meira e Lugo.
A súa instalación enmárcase dentro do Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos de transporte público impulsado pola Xunta, que incorpora marquesiñas elaboradas con madeira de piñeiro e con deseños integrados na paisaxe, con versións adaptadas aos ámbitos rural e urbano.
En toda Galicia serán instaladas 180 novas marquesiñas, o que harmonizará esteticamente este recurso e incrementará a súa funcionalidade, dado que para a elección do deseño tivéronse en conta factores como a transparencia, amplitude, posibilidade de adaptación ou a resistencia. Cumpren as normativas vixentes de prevención de incendios, resistencia de materiais ao lume, actos vandálicos e seguridade viaria.
No caso concreto de Muimenta, a nova estrutura substitúe a outra marquesiña que se cederá ao Concello de Cospeito para que a poida reutilizar noutro punto do municipio segundo as súas necesidades.