A Xunta intervirá en 160 hectáreas no Val de Lemos para uso agrícola e gandeiro

O proxecto da Xunta de mobilización de terras no entorno do Val de Lemos, afectará a unhas 160 hectáreas que actualmente están en estado de abandono pero que, pola boa calidade da terra, poderíanse poñer en valor para os gandeiros e agricultores da zona.

 Este proxecto comezou no ano 2016 en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Fundación Juana de Vega, coa análise de 300 hectáreas de terreo nos concellos de Monforte de Lemos, Pobra do Brollón, Sober, Pantón e Bóveda. Decidiuse actuar nesta zona debido ás súas especiais características en canto a produtividade agraria e o grao de abandono de terras. O obxectivo deste proxecto piloto é o de lograr a mobilización efectiva de terras agrarias para a súa posta en produción, tanto para potenciais demandantes locais como doutras zonas de Galicia.

 Unha vez analizada a área de interese e identificadas as parcelas abandonadas, algunhas delas localizadas en zona de concentración parcelaria, a Consellería do Medio Rural púxose en contacto cos propietarios para dar a coñecer os beneficios deste programa, tanto para as explotacións agrogandeiras como demandantes de superficie agraria, como para todas as persoas propietarias de terreos rústicos, posto que vai permitir frear o deterioro das súas terras, garantíndolle todos os seus dereitos e mantendo ou incluso incrementando o seu valor.

 Polo de agora, estanse remitindo cartas a máis de 250 propietarios ou copropietarios de parcelas no entorno seleccionado. O grao de aceptación está a ser elevado, posto que a maioría de afectados ven nesta iniciativa unha boa oportunidade, xa que loita contra o abandono de terras ao tempo que favorece ás granxas e, polo tanto, dinamiza económica e socialmente o entorno. Para finais de verán, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez convocará unha xuntanza informativa con todas as persoas interesadas para explicar polo miúdo os detalles de como se vai articular o proxecto, o seu enfoque, amparo xurídico, etc.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com