A Xunta investiu 35,6 millóns de euros en políticas activas de emprego que beneficiaron a 5.204 lucenses en 2018. O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, fixo hoxe balance das iniciativas e programas impulsados pola Administración autonómica con este fin e avanzou que “comezamos un novo ano no que a mellora do emprego seguirá a ser unha das grandes metas do Goberno galego”.
No primeiro gran grupo -de fomento da contratación- o investimento durante o ano pasado foi de 27,5 millóns de euros, que permitiron a inserción laboral de 2.279 lucenses a través de iniciativas como os obradoiros de emprego, as axudas da Consellería do Medio Rural para a incorporación de mozos e mozas ao agro, as dirixidas a fomentar o emprego autónomo, as liñas de apoio ao comercio e ao emprendemento empresarial ou os programas de axudas a entidades locais para fomentar a contratación -como o Aprol Rural ou os destinados á contratación de socorristas ou de persoas perceptoras da Risga, entre outros-.
O segundo gran grupo está enfocado ás políticas de formación para gañar en capacitación e oportunidades laborais, ao que se destinaron no 2018 un total de 8 millóns de euros, que beneficiaron a 2.925 lucenses. Neste apartado inclúense os cursos AFD (accións formativas dirixidas a persoas desempregadas); os programas integrados de emprego e as accións formativas en empresas.
Balseiro salientou que os procesos de selección para participar nos programas de emprego promovidos pola Xunta son “obxectivos e transparentes”, con intervención das oficinas de emprego e “respecto á autonomía dos concellos”.
“Imos polo bo camiño”, apuntou o delegado territorial, “pero queda moito por facer e con ese obxectivo a Xunta lidera os programas de fomento do emprego na provincia”, impulsando 22 liñas de axuda no ámbito dos programas de fomento da contratación e 3 accións adicionais máis en materia de formación para o emprego.