A Xunta inviste máis de 400.000€ en corrixir as filtracións de auga da Catedral

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude prevé investir 413.000 euros para corrixir a entrada de humidades na cabeceira da Catedral de Lugo, onde se sitúa a capela da Virxe dos Ollos Grandes. Para elo será preciso intervir na contorna inmediata, en espazos públicos da praza de Santa María, praza Fernando de Casas Novas e a travesía Deán Fernández Varela.

Os estudos previos que serviron de base para esta nova actuación permitiron determinar a existencia dunha das grandes cloacas de época romana, que discorre a máis de catro metros de profundidade polo claustro da Catedral en dirección á porta de Santiago, e que segue funcionando na actualidade como sistema de saneamento, tras case 2000 anos de existencia.

Os técnicos analizaron máis en detalle a relación desta cloaca romana coa canle do século XVIII que rodea a cabeceira do templo baixo a rasante da praza de Santa María, que se interrompe baixo o cruceiro que existe hoxe na citada praza, e concluíron que é necesario actuar sobre os espazos públicos que circundan a cabeceira da catedral e sobre esas canalizacións para poder eliminar as humidades que existen na capela dos Ollos Grandes.

As obras a realizar perseguen a canalización correcta das augas, a ventilación dos muros de fábrica soterrados e a drenaxe e ventilación adecuadas das zonas de imposible acceso. O cruceiro será desprazado lixeiramente para liberar a canalización interrompida, e tamén se aproveitará para acometer a limpeza e rexuntado dos paramentos no exterior da capela.

Recentemente remataron as tarefas de restauración do claustro, nas que investiu 625.000 euros e que incluíron outros labores complementarios, como as investigacións arqueolóxicas que permitiron constatar a existencia dunha importante necrópole de época medieval e moderna e descender á cloaca romana a través do rexistro de entrada existente no recinto.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com