A Xunta de Galicia vén de notificar a aprobación de 17 obradoiros de emprego duais en Lugo, aos que destina un investimento de máis de 7,1 millóns de euros. Unha parte do orzamento destinarase a incentivar a contratación das persoas participantes unha vez rematada a súa formación.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que as iniciativas aprobadas implican a 46 concellos e están dirixidas a mellorar as oportunidades laborais de 340 persoas desempregadas. Entre os sectores aos que fan referencia estas accións -que se estenderán durante 9 meses- rexístranse os relativos á atención sociosanitaria, distintos aspectos da construción, o sector forestal ou de viveiros e xardíns, a limpeza, xestión de residuos, turismo, tratamento de datos e control de pragas.
Os obradoiros duais perseguen mellorar a empregabilidade dos participantes, ofrecéndolles unha formación teórico-práctica para o emprego de calidade. Ao tempo, suporán a mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para o conxunto da sociedade.
Para acceder a estes programas, priorizaranse as persoas con especiais dificultades de inserción: mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornadas, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos ou persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras. Terán preferencia tamén as persoas discapacitadas ou as beneficiarias do tramo de inserción da renda básica de Galicia, así como as que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral.
A Xunta de Galicia encargarase de financiar a formación profesional para o emprego, así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos cos participantes, que serán 20 por taller.
Desde o ano 2009, a Xunta de Galicia destinou máis de 490 millóns de euros a case un milleiro de obradoiros duais, que se realizaron con preto de 21.000 participantes en toda Galicia.
OBRADOIROS NOTIFICADOS NA PROVINCIA DE LUGO
PROMOTOR | CONCELLOS ASOCIADOS | DENOMINACIÓN |
Cervo | Burela, Xove | Sendas de Burela, Cervo, Xove XI |
Ribadeo | Barreiros | Constrúe en verde |
Ribas de Sil | Quiroga, Folgoso do Courel | Sillor XI |
Chantada | Carballedo, Taboada | Serra do Faro IX |
Monforte de Lemos | …. | A Pinguela II |
Pantón | Sober, O Saviñao | Ricra VIII |
Bóveda | O Incio, Pobra do Brollón | Bóveda, O Incio e A Pobra do Brollón |
Castro de Rei | Cospeito, Outeiro de Rei | Camiño da Chaira VIII |
Ribeira de Piquín | Castroverde, Pol, A Pastoriza, Riotorto | O Castro X |
Vilalba | Abadín | Terra Chá no Camiño V |
Begonte | Friol, Rábade | Cumes da Terra Chá VIII |
Sarria | …. | Sarria, Camiño de Santiago V |
Láncara | Samos, Paradela | Os Soutos |
Lugo | …. | Salus Lugo |
Portomarín | Monterroso, Palas de Rei | Terras do Miño-Ulla I |
Pedrafita do Cebreiro | Cervantes, Navia de Suarna e Triacastela | Comarca de Ancares VII |
Becerreá | Baralla, As Nogais | Vía Künig VI |