A Consellería de Cultura celebra no Castro de Viladonga o Día Internacional dos Museos, cunha variada programación que inclúe a xa tradicional visita nocturna ao castro, música, obradoiros e un espectáculo teatral.
As actividades darán comezo mañá ás cinco e media da tarde, coa participación de Trebas Galaicas, de Lugo, que presentarán recreacións históricas e actividades da época castrexa. Asemade, celebrarase un obradoiro dereprodución de pezas de cerámica e impresións sobre barro, outro de sons castrexos a base de elementos naturais e un terceiro cun pequeno tear.
A música da asociación cultural Os Valuros e da asociación Bolboreta Fiandeira animará a tarde no xardín do Museo, onde tamén haberá unha demostración de fiado e cardado de lá a cargo deste último colectivo. A partir das oito haberá un concerto a cargo da banda de blues Miki Nervio & The Bluesmakers e ás nove servirase unrefrixerio con petiscos, bebida e queimada.
A visita nocturna ao castro comezará ás dez e media da noite e inclúe un desfile a cargo da asociación Trebas Galaicas. Na organización das actividades colabora a asociación de Amigos do Castro de Viladonga.
O luns 18, que é a data oficial de celebración do día dos Museos, terá lugar no castro a actuación do grupo Cal y Canto Teatro, á que asistirán nenos e nenas de varios colexios da provincia. Dende as 11.30 horas presentarán o espectáculo A-TA-KA, unha coreografía con cometas de animais fantásticos pululando polo aire.
Todas as actividades programadas son de entrada libre e gratuíta.
Pola súa banda, a Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, que dirixe Carmen Basadre, festexará este Día Internacional dos Museos, coa ampliación do horariode todos os museos municipais ata as 20.30 horas e tamén se celebrará un concerto en cada un deles.
A programación é a seguinte: no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) actuará a escola de música de Fingoi ás 19.30; na praza do Campo, fronte ó Centro de Interpretación da Muralla, coincidindo coa saída dos visitantes, ás 20.30, actuará o conxunto vocal LUGH; e, a partir das 19.45, na Casa dos Mosaicos actuará a violinista Tania Capón; na Domus do Mitreo, a violonchelista Paula Rancaño; na Sala Porta Miñá, o violinista Hugo Rodríguez e no Centro Arqueolóxico de San Roque, a violonchelista Cristina Nogueira.