A Xunta lanza a candidatura da Ribeira Sacra, Iribio e Courel como reserva da biosfera

A Ribeira Sacra deu hoxe un paso firme na súa aspiración de converterse a medio prazo na sétima reserva da biosfera de Galicia. O Concello de Pantón acolleu esta mañá a presentación oficial da candidatura coa que os 23 concellos de Lugo e Ourense que abranguen o espazo conformado pola Ribeira Sacra e as Serras do Iribio e Courel aspiran a conseguir este recoñecemento de carácter internacional xestionado e concedido pola Unesco.

O acto contou coa participación da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen subliñou a “importancia desta candidatura para reforzar e completar a protección dos elementos máis senlleiros que conforman o patrimonio natural galego e axudar a fomentar o respecto polo medio ambiente”.

Neste sentido, lembrou que Galicia xa conta con seis reservas da biosfera -un dos recoñecementos de carácter internacional máis importantes en relación coa conservación e o uso sustentable do patrimonio- que representan arredor do 25% do territorio da comunidade. Coa incorporación da reserva da biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Iribio e Courel, a extensión protexida en Galicia baixo esta figura se incrementaría ata chegar ao 34% do territorio.

O documento que avala a candidatura da Ribeira Sacra farase público mañá, como avanzou a conselleira, coa publicación no DOG do anuncio polo que se abrirá durante un mes un período de información pública para que calquera persoa ou entidade interesada en enriquecer a proposta orixinal poida facer as súas alegacións ou suxestións.

Unha vez avaliadas as achegas que se reciban nesta fase e incorporados os cambios que se estimen oportunos, o seguinte paso será remitir o documento, previsiblemente antes de que remate este ano, á Secretaría do Comité Español do Programa MAB (Home e Biosfera) da Unesco, co obxectivo de obter a súa declaración definitiva no ano 2021.

18 concellos de Lugo e 5 de Ourense

O director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), Pablo Ramil, foi o encargado de facer a presentación técnica da candidatura da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Iribio e Courel, unha zona que aglutina en total a 18 concellos de Lugo (Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, O Incio, Monforte de Lemos, Pantón, Paradela, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada e Triacastela) e cinco da provincia de Ourense (Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa e A Teixeira).

Trátase, como explicou, dun territorio de excepcional valor en canto aos seus compoñentes ambientais, paisaxísticos e culturais, como demostra a súa recente declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) por parte do Consello da Xunta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com