Muralla Lugo Muralla Lugo

A Xunta licita o plan de conservación e xestión da Muralla

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de licitar o contrato para a elaboración do Plan de conservación e xestión da Muralla Romana de Lugo, ao que destina 153.000 euros.

O delegado territorial, Javier Arias, sinala que “permitirá compilar nun documento os coñecementos sobre a Muralla, incluídos os derivados das intervencións arqueolóxicas que todos os anos executa a Xunta en distintos elementos; igualmente, definirá as necesidades de conservación e restauración e unha proposta de usos para un desenvolvemento sustentable, entre outros aspectos”.

Este plan director constituirá unha ferramenta de organización estratéxica e integradora e terá unha natureza aberta e revisable, guiando as futuras intervencións e novas propostas que poidan producirse para a conservación, uso e difusión dos valores e atributos do monumento como ben patrimonio da Humanidade.

Ao mesmo tempo, será un documento técnico profundo, exhaustivo e preciso, que catalogará toda a información dispoñible, identificará as condicións e patoloxías das fábricas e proporá programas de mantemento, medidas de seguridade fronte a riscos e desastres e prevención de actos vandálicos.

Tamén se deseñarán accións de divulgación e educación patrimonial e un plan de usos, no que se recollan, sistematicen e avalíen os usos actuais e os potenciais, garantindo a máxima conservación e facilitando as condicións de apreciación dos valores culturais do monumento así como a súa posta en valor, co maior alcance para todos os públicos, usuarios e interesados.

O prazo de presentación de ofertas para optar á licitación remata o día 26 de xaneiro. O período máximo de elaboración do plan é de 15 meses.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com