O delegado territorial, José Manuel Balseiro, desprazouse ata A Pobra de Brollón para visitar os terreos da comunidade de montes de Saa e os da comunidade de montes de Parada, Couso e Río de Bois, nos que se levan a cabo distintos traballos de acondicionamento financiados pola Xunta.
Polo que respecta aos proxectos de mellora de cortalumes e pistas forestais, o delegado territorial explicou que son executados directamente pola Consellería sobre montes de titularidade privada -na gran maioría en mans de comunidades- que teñen asinado un convenio coa Xunta. Están distribuídos en 23 concellos e as obras están xa moi avanzadas, próximas a rematarse en áreas como as comarcas de Lemos, A Fonsagrada e Os Ancares.
Os cortalumes están planificados polo Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta, de tal xeito que se localicen onde son máis necesarios e se adapten ás súas características con maiores ou menores dimensións, en función da vexetación do entorno. Estas áreas despexadas son unha importante axuda para o dispositivo contra lumes forestais, porque facilitan o acceso aos medios de terra e supoñen un punto de discontinuidade de combustible para as lapas.
A Xunta executa nestes momentos, obras de mellora da rede de cortalumes da provincia de Lugo que supoñen intervir sobre 815 hectáreas e 56 quilómetros de pistas forestais, cun investimento de máis de 721.000 euros.