O secretario de xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou o venres a biblioteca municipal de Chantada, unha das 40 beneficiarias da orde de axudas da Xunta para mellorar o equipamento das instalacións e locais dos concellos destinados a actividades culturais para a que se destinan 500.000 euros.
Como expresou, trátase dunha liña de axudas “estratéxica” coa que o Goberno autonómico leva anos conseguindo “estender e manter a actividade cultural en Galicia con calidade tanto no eido rural e urbano”. De feito, este apoio económico está a contribuír a que os concellos se doten dos medios necesarios para executar as súas programacións, “e contar coas oportunas infraestruturas que lles permitan realizar as actividades culturais e garantir o servizo público que prestan á cidadanía tanto nos eidos rurais como urbanos”.
En concreto, a través desta liña de subvencións, o Goberno autonómico contribúe ao equipamento de moblaxe de locais, a realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como a adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento das accións.
Preto de 200.000 euros en Lugo
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a oportunidade que supón para Chantada esta axuda “ao mellorar unha infraestrutura como a súa biblioteca, que dá servizo a gran parte da comarca”. Neste sentido, destacou o investimento na provincia de Lugo, próximo aos 200.000 euros, ao abeiro destas axudas das que se beneficiaron 17 concellos lucenses.