O programa de deporte escolar Xogade, que desenvolve a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte, mobilizará mañá a máis dun millar de escolares en catro eventos que se desenvolven na provincia de Lugo.
Segundo explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, na capital daranse cita arredor de 700 escolares para participar nas probas clasificatorias de atletismo, que se celebrarán nas pistas das Pedreiras. E a comarca da Mariña acollerá a final provincial de duatlón, en Mondoñedo; unha competición de tenis de mesa en Ribadeo, e unha concentración de promoción da patinaxe en Lourenzá.
Polo que respecta á convocatoria de atletismo na capital, dende as 10.45 horas e ao longo de toda a xornada iranse sucedendo as competicións nunha vintena de modalidades de carreiras, salto e lanzamento. Participarán grupos de todas as categorías: benxamín, infantil, cadete e alevín, sendo a primeira proba clasificatoria para a final provincial.
Pola súa banda, Mondoñedo acollerá a final provincial de duatlón, que reunirá a arredor de 120 participantes nas diferentes categorías. A primeira saída será para os benxamíns ás 16.30 horas, e os demais grupos irán saíndo con media hora de diferencia.
A cita do tenis de mesa en Ribadeo celebraráse no pavillón municipal a partir das 10 horas e contará con arredor de 150 participantes. E por último, en Lourenzá terá lugar unha concentración arredor do deporte da patinaxe con aproximadamente 65 patinadores de diversos puntos da provincia. A cita comezará ás 19.00 horas no pavillón municipal.
O programa Xogade entra na súa fase máis intensa, ao aproximarse as competicións finais de ámbito provincial. Neste sentido, xa se disputaron as de campo a través e orientacións, ás que se sumará mañá a de duatlón. Xogade avanza co curso escolar, iniciando as competicións no mes de outubro e rematando o 30 de maio; implica na provincia de Lugo a arredor de 16.500 nenos e nenas. Balseiro subliñou a importancia de “involucrar aos escolares na práctica do deporte, co que adquiren hábitos saudables e valores que os acompañarán durante toda a vida”.