O Instituto Galego de Consumo multou con 7.500 euros aos festivais Caudal e Resurrection Fest por quedar con miles de euros das pulseiras ‘cashless’. Foi Facua a que denunciou ás promotoras dos festivais -Old Navy Port Producciones e Bring the Noise- despois de comprobar que nas páxinas webs de ambos eventos cobraban un euro en concepto de “gastos de xestión” aos usuarios que pediran a devolución do diñeiro cargado na pulseira e que non consumira durante o evento. Ademais, tamén denunciaron ante o organismo da Xunta que obrigaban aos asistentes a pagar dentro do recinto con este sistema ‘cashless’, sen darlles a alternativa de usar efectivo.
Despois de recibir as denuncias, o Instituto Galego de Consumo abriu un expediente sancionador coa proposta dunha multa de 7.500 euros a ambas promotoras, cantidade que Facua considera “ridícula”. “Con la imposición de multas con cantidades tan bajas, resulta imposible conseguir que cumplan con su efecto disuasorio, ya que a las empresas les resulta más beneficioso seguir cometiendo las mismas infracciones y, posteriormente, pagar la sanción que le impongan”, anunciou a asociación.
Deste xeito, Facua asegura que o “beneficio ilícito” que obtiveron ambas promotoras supera “con creces” a multa que lles impuxo a Xunta. De feito, calculan que se a cuarta parte dos asistentes aos festivais solicitaran o reembolso e se lles cobrara un euro polos gastos de xestión, o Resurrection Fest tería gañado 33.000 euros e o Caudal 8.200 euros. “Cantidades que, en realidad, podrían ser mucho mayores”, engade a asociación.
Dende Facua piden á Xunta que revise a normativa relacionada coa proteccións aos consumidores e que impoña multas máis elevadas para este tipo de infraccións. “Sólo con la imposición de sanciones que realmente supongan un perjuicio para la economía de las empresas se conseguirá disuadir a estas de que sigan infringiendo la normativa”, recalcan.
As empresas expedientadas, por outra banda, comunicaron a Facua que as súas prácticas non son ilegais e que aínda non hai resolución sancionadora firme por parte do Instituto Galego de Consumo.