A Xunta de Galicia oferta no polígono lucense das Gándaras un total de 40 parcelas a prezos de venda bonificados nun 50%. Así o indicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen participou na inauguración da nova tenda de Bricomart, localizada no parque empresarial lucense.
En concreto, a bolsa de solo que acaba de sacar a concurso o Goberno galego nas Gándaras suma un total de 91.745 metros cadrados repartidos entre as 40 parcelas dispoñibles a día de hoxe nas tres fases en que se divide o polígono.
As novas instalacións de Bricomart en Lugo, precisamente, ocupan unha superficie de 25.000 metros cadrados na segunda fase das Gándaras, a mesma superficie que buscaba a empresa para abrir unha nova tenda na Comunidade e á que puido acceder no parque lucense, ademais, cunha bonificación do 50% sobre o prezo oficial de venda.
Neste sentido, a conselleira lembrou que o Goberno galego leva investidos máis de 53 millóns de euros nas tres etapas de desenvolvemento das Gándaras, incluídos os terreos adquiridos para planificar un futuro crecemento, e xa adxudicou 2 millóns de metros cadrados repartidos entre 270 parcelas en condicións vantaxosas.
Durante o acto de inauguración, Ángeles Vázquez salientou tamén o esforzo realizado pola Xunta para axilizar ao máximo a posta en marcha destas instalacións, que grazas ás facilidades ofrecidas en todo momento, se puideron executar de forma paralela ás obras de urbanización da segunda fase do parque.
Así, a responsable galega enmarcou o compromiso do seu departamento con este proxecto empresarial na súa “importancia” para a cidade e o conxunto da comarca, xa que, por un lado, ofrece novos servizos ao sector profesional da construción e das reformas así como á veciñanza lucense, e por outro, contribúe a crear emprego “local”.
Neste sentido, referiuse ás 85 persoas contratadas ata o momento no novo Bricomart de Lugo e, tras lembrar que hoxe se conmemora o Día internacional da muller, salientou que a metade dos cargos de dirección desta tenda están ocupados por mulleres.