A Xunta pon a disposición de propietarios particulares e comunidades de veciños con vivendas e edificios residenciais localizados na Área de rehabilitación integral (ARI) da Ribeira Sacra axudas de ata 30.000 euros destinadas a acometer obras de reforma, mantemento e mellora nos seus inmobles. O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 30 de novembro.
O orzamento reservado este ano ás axudas para a ARI da Ribeira Sacra ascende a 1,13 millóns de euros, unha dotación que duplica á de 2022. Nas dúas convocatorias anteriores xa se rehabilitaron preto de 100 inmobles nesta zona, cunha achega por parte da Xunta de 900.000 euros en total, e o próximo ano está previsto publicar unha nova convocatoria, a cuarta desde a súa posta en marcha.
Para poder acollerse a estas subvencións, é requisito imprescindible contar coa cualificación definitiva outorgada polo IGVS, que se obtén unha vez executadas e xustificadas as obras de rehabilitación nos inmobles.
A contía, cun límite de 30.000 euros por vivenda, non poderá superar o 50% do importe subvencionable da actuación. Este límite increméntase ata o 75% se os ingresos da unidade de convivencia que promove a actuación e reside na vivenda son inferiores a tres veces o IPREM ou cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que existen persoas con algún tipo de discapacidade ou maiores de 65 anos.