A Xunta ofrece dúas alternativas de axuda á propietaria da vivenda calcinada onte en Sarria

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda ofrece varias alternativas en apoio da propietaria do inmoble de Sarria que se viu afectado por un incendio no día de onte.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou esta tarde o lugar do sinistro e reuniuse coa afectada, para poñer á súa disposición os servizos da administración autonómica e, neste mesmo encontro, comprometeuse a estudar as medidas que se poidan adoptar á vista da situación de inhabitabilidade en que quedara a vivenda.

Froito destas xestións, Balseiro comunicou hoxe mesmo que existen dúas posibles alternativas: en primeiro lugar, optar polo bono alugueiro social. Neste caso, a propietaria podería alugar calquera vivenda da súa elección e recibir unha axuda da Xunta de 175 euros ao mes durante 3 anos. Esta axuda tamén completa unha achega complementaria de 600 euros para os efectos de atender as obrigas derivadas da constitución da fianza, alta de subministracións e gastos de mudanza.

Como segunda proposta o IGVS ofrécelles unha vivenda de promoción pública nesta mesma localidade, que podería ser adxudicada nas próximas datas. Finalmente a Xunta tamén estudará a posibilidade de acceso a outras axudas, como as de rehabilitación edificatoria, toda vez que a propietaria amosou o seu interese en reconstruír as estruturas danadas.

Precisamente mañá mesmo técnicos da administración autonómica visitarán a vivenda co obxecto de valorar estes danos e concretar os apoios e distintas liñas de axuda ás que podería acollerse.

O delegado lembrou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda -da que depende o IGVS- habilita recursos “para atender con dilixencia casos de emerxencia como o que sufriu esta veciña de Sarria”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com