O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, informou as novidades da programación, que inclúe dous novos campos de voluntariado en Baleira –Xuventude é Camiño – e Friol –Friulio e salientou o incremento de prazas, 496 máis que en 2021.
A oferta no conxunto de Galicia abrangue campamentos en 36 instalacións de distintos municipios para mozas e mozos de entre 9 e 17 anos; e 45 campos de voluntariado en Galicia e tamén noutras Comunidades Autónomas e no estranxeiro para maiores de idade ata os 30 anos.
O Diario Oficial de Galicia publicará a convocatoria o vindeiro luns e a partir do mércores, despois do festivo, abrirase o prazo para que as familias presenten as solicitudes. Toda a información e a programación pode consultarse a través da páxina web de Xuventude.
No caso dos campamentos, o prazo de solicitude será de sete días. Para os campos de voluntariado en Galicia, permanecerá aberto aberto ata 3 días antes da data de inicio mentres haxa prazas libres. As actividades realizaranse durante os meses de xullo, agosto e comezos de setembro.
Campamentos
Os campamentos de verán da provincia de Lugo poranse en marcha nos concellos de Viveiro, Ribadeo, Portomarín, Palas de Rei, Carballedo, Quiroga e Lugo. En total hai 1.840 prazas en 31 quendas diferentes.
O albergue xuvenil de Area (Viveiro) desenvolverá actividades sobre ambiente mariño e náutica; A Devesa (Ribadeo) contará con varias opcións de multiaventura e acampada a carón do mar; as instalacións de Benigno Quiroga (Portomarín), Os Chacotes (Palas de Rei) e Carballedo acollerán distintas propostas de aventura; o albergue de Quiroga convidará a Explorar O Courel e o Lug 2 (Lugo) oferta tres programas: O Musical, AYCH Tecnolóxico e Design Camp, relacionado coa creación de páxinas web.
Campos de voluntariado
Polo que respecta aos campos de voluntariado da provincia, están previstos nove con 135 prazas en distintas modalidades, como arqueoloxía, patrimonio, medio ambiente ou dinamización. Serán os do Castro de Viladonga (Castro de Rei); Castro de Vilamor (Folgoso do Courel); Castro de San Lourenzo (A Pobra do Brollón); Xuventude é Camiño (un en Palas de Rei e outro en Baleira ); Da auga e da pedra (Guitiriz); A Fervenza da Pedriña (Quiroga); Abadía de San Clodio (Ribas de Sil) e Friulio (Friol).
Trátase dunha oferta inclusiva e aberta ás persoas con discapacidade que poderán decidir se presentarse polo procedemento xeral ou a través das prazas reservadas. Coma en cada edición, haberá ademais a posibilidade de optar a campamentos específicos para persoas con discapacidade de entre 11 e 50 anos.
A programación deste verán tamén contará cos minicampamentos Coñece Galicia en establecementos turísticos para nenos e nenas de entre 10 e 14 anos; e estancias en instalacións xuvenís para entidades ou asociacións.