A Xunta de Galicia programará durante o vindeiro ano oito accións formativas para traballadores desempregados nas instalacións de dous institutos da cidade de Lugo: o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) As Mercedes e no Politécnico, ás que destina 390.600 euros de investimento.
O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que estes cursos veñen a completar a ampla oferta formativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria para mellorar a empregabilidade das persoas que se atopan inscritas no paro, que inclúe accións en centros propios, o financiamento da programación AFD -promovida por empresas, concellos e outras entidades- e o uso de instalacións educativas en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.
Balseiro sinalou que deste modo optimízanse os recursos públicos, dado que ambos centros reúnen os requisitos para impartir formación profesional para o emprego sen que esta afecte ao desenvolvemento da actividade lectiva habitual.
En concreto, no CIFP das Mercedes impartiranse os seguintes cursos: operacións básicas na montaxe e no mantemento de instalacións de enerxías renovables, montaxe de estruturas e instalación de sistemas e equipamentos de aeronaves, soldadura con eléctrodo revestido e TIG, montaxe e mantemento de instalacións caloríficas e mantemento de elementos non estruturais de carrozarías de vehículos.
Polo que respecta ao instituto Politécnico de Lugo, as accións formativas a desenvolver son as de montaxe e mantemento de sistemas domóticos e inmóticos, mecanizado por arranque de labra e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
As persoas interesadas en participar nestes cursos poden recibir máis información e inscribirse nos mesmos a través da ampla rede de oficinas de emprego que a Xunta ten na provincia.
Dec 19, 2019 - 07:25 PM
Que importan los cursos si después no hay trabajo para ellos