A Delegación Territorial da Xunta en Lugo porá en marcha esta semana a campaña #anosamuralla, un proxecto co que busca conmemorar os vinte anos da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, cos lucenses como protagonistas e, en parte, artífices de acadar e manter a distinción que fixo a Unesco no ano 2000.
O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, explicou que o proxecto servirase das redes sociais e de xeito especial da canle de youtube A Nosa Muralla, creada previamente e na que os lucenses poderán subir os seus vídeos a modo de felicitación, que se emitirán a partir do día 29, a xornada previa á data de conmemoración da declaración da Unesco.
Para facelo, todas aquelas persoas que queiran participar poderán subir os seus vídeos, cunha duración máxima dun minuto, a través da plataforma gratuíta anosamuralla.wetransfer.com, dun xeito sinxelo e rápido. Esta plataforma xa está aberta e a disposición dos lucenses para, desde hoxe, comezar a recibir os vídeos que a partir do día 29 se publicarán na canle.
Esta é só unha parte da campaña #anosamuralla, coa que a Delegación Territorial da Xunta en Lugo pretende unir a todos os lucenses para conmemorar dun xeito distinto este vinte aniversario, marcado pola Covid-19. Precisamente, desde a Delegación lembran que os vídeos colectivos poderán proceder de colexios, familias convivintes, equipos deportivos federados ou outros ámbitos nos que se garanta en todo caso o cumprimento das medidas de seguridade e as restricións vixentes por mor da situación de emerxencia sanitaria.