A Xunta pon en marcha un novo polo de emprendemento en Sarria

A Xunta inaugurou hoxe un novo polo de emprendemento e de apoio ao emprego, o de Sarria, que supón o número 14 da Rede e o quinto na provincia de Lugo. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González,acompañado do delegado da Xunta Javier Arias, o alcalde de Sarria Claudio Garrido e a voceira do PP de Sarria Carmen José López, xunto con outras autoridades participou hoxe na posta en marcha desta nova oficina na que se presta de xeito gratuíto apoio e asesoramento a calquera persoa que desexe emprender un negocio en Galicia o consolidar o que xa ten en funcionamento.

González puxo en valor a iniciativa autonómica que arrancou en xullo de 2022 e que conta con 14 polos activos, nos que xa se prestou asesoramento a máis de 2.000 proxectos empresariais en diferentes fases. O conselleiro avanzou que en vindeiras datas, ademais, a Rede seguira ampliándose cun novo laboratorio en Vilanova de Arousa, na provincia de Pontevedra.

A apertura do polo de Sarria responde a uns dos compromisos adquiridos polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nos primeiros 100 días desta lexislatura e busca, ao igual que co resto da Rede, dar formación e información ás persoas emprendedoras que o precisen co fin de xerar máis emprego de calidade en Galicia, co foco posto no rural. A Rede de emprendemento busca dinamizar a economía local e fomentar a iniciativa emprendedora na comunidade. Neste senso, sinalou que o obxectivo da Xunta é xerar un ecosistema de apoio aos emprendedores a través de, entre outras medidas, os polos que se configuran no rural e nas cabeceiras da comarca como o de Sarria.

Datos da provincia de Lugo

Neste senso, comentou que os polos son oficinas “de éxito” e, así, indicou, que o avalan os datos. Nos centros da provincia de Lugo en funcionamento ata o de agora (Friol, A Fonsagrada, Mondoñedo e Monforte de Lemos) atendéronse en dous anos preto de 500 proxectos (483) de diferentes sectores, predominando a hostalería (23%), a agricultura, gandaría, silvicultura e pesca (12%)  e o comercio (11%). Ademais, preto do 60% das persoas emprendedoras son mulleres, unha mostra máis, segundo o titular de Emprego, do talento feminino que hai en Galicia.

José González puxo o foco no traballo que a Rede presta ás galegas e galegos e ás persoas de fóra que queiran asentarse en Galicia: de feito preto do 20% das persoas atendidas por toda a Rede ata o de agora proceden do estranxeiro. Subliñou, ademais, que tamén se está a prestar un asesoramento especializado aos emigrantes galegos do exterior que estean pensando retornar a súa terra cunha idea empresarial. “Estamos favorecendo o retorno a través da Rede de polos e a través desa planificación máis ampla que é a Estratexia Retorna e o programa Retorno Cualifica Emprego”, apuntou.

Plan Remuda

Doutra parte, o conselleiro tamén salientou que do total das iniciativas empresariais que se asesoraron na Rede na provincia de Lugo, un 6% correspóndense con proxectos de remuda dos que en máis da metade dos casos búscase a transmisión do negocio porque o actual titular atópase preto da xubilación.

Ao respecto, explicou que a Xunta ampliou o asesoramento que ofrece a Rede de polos a este tipo de circunstancias, poñendo en marcha un Plan de remuda co que se están a canalizar todos estes proxectos- xa son máis dun cento en toda Galicia- que precisan dunha transmisión, poñendo en contacto aos titulares dos negocios coas persoas que desexen coller ás súas rendas, facilitándolles ademais a transmisión, o plan que se complementa con axudas económicas busca, en definitiva, garantir o mantemento dos negocios como dinamizadores do territorio.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com