A Xunta porá en marcha medidas específicas para impulsar o turismo na Mariña

A Xunta de Galicia porá en marcha medidas específicas de impulso á promoción e reactivación turística da Mariña lucense para reducir o impacto que a crise sanitaria está tendo nesta comarca e xerar liquidez no seu tecido empresarial. Así o avanzou hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, durante o encontro que mantivo co presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, José Francisco Real, e empresarios do sector para escoitar as súas demandas e expor as propostas que a Xunta de Galicia pon á súa disposición para activar o sector.
O titular de Cultura e Turismo en funcións reiterou o “firme compromiso” do Goberno e avanzou que se traballa en varias liñas simultáneas. Algunhas xa están en marcha no marco do programa Galicia destino seguro, como o convenio coa asociación provincial que inclúe accións de formación online en materia hixiénico-sanitaria e un servizo de asesoramento.
Ademais, no marco do convenio asinado con turoperadores galegos, estase traballando na posta en marcha de novas experiencias turísticas na Mariña lucense.
Para dar continuidade a este traballo, o plan da Xunta “inclúe duplicar o apoio ao xeodestino para a creación de novos produtos que reforcen a súa imaxe como destino seguro”. Tamén se referiu a eventos como o Resurrection Fest, sobre o que avanzou “que se está traballando coa organización do festival para deseñar conxuntamente novas iniciativas a curto prazo que axuden a reactivar o sector e dinamizar o consumo”. Ademais, puxo de manifesto a aposta do Goberno autonómico por “levar a cabo accións culturais e turísticas que sexan quen de xerar impacto tanto dentro como fóra da comarca, con referentes patrimoniais como o Museo de Sargadelos, a Catedral de Mondoñedo ou San Martiño de Foz”.
Como indicou Román Rodríguez, A Mariña contará “co apoio necesario da Xunta para superar esta situación e afondar en todo aquelo que fai da comarca un destino singular e sustentable”. Por iso, trasladou esta semana á ministra de Industria, Comercio e Turismo a
necesidade de que tamén desde o Estado se poñan en marcha medidas específicas de apoio a destinos afectados por rebrotes da covid-19 como A Mariña.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com