Un total de 150 mulleres con responsabilidades directivas participan en toda Galicia nesta iniciativa que, no caso de Lugo, conta con 30 participantes.
A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, acompañada da directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participaron no acto de presentación en Lugo do programa Lideramos, co que a Xunta de Galicia está a promover a formación de mulleres na xestión de equipos co obxecto de afondar na rotura dos teitos de cristal e avanzar na igualdade.
A representante da Igualdade puxo en valor a experiencia das participantes neste proxecto que promove eliminar fendas de xénero e fortalecer a creación de novos perfís profesionais, motivar e crear cadros de persoal diversos.
Vázquez destacou o compromiso de Galicia coa igualdade de xénero e a súa aposta polo liderado feminino. Programas como “Lideramos” favorecen a interrelación entre as participantes, mellorando as capacidades destas mulleres, indicou.
A iniciativa incorpora accións para o autocoñecemento e o desenvolvemento persoal mediante sesións de coaching individualizadas co obxectivo de brindar ás participantes ferramentas para coñecer as forzas motivadoras dos equipos.
A xornada que hoxe se celebrou en Lugo -Ferramentas prácticas para o liderado feminino, a mellora profesional e a xestión de equipos- enmárcase no programa de actividades do programa “Lideramos”.