A Xunta de Galicia ten previstas para o vindeiro ano inversións directas en Lugo por importe de 1.341 millóns de euros, un 12 por cento máis que no presente exercicio. Supoñen un incremento de 146 millóns de euros que se invisten en “máis obras, máis servizos e novas infraestruturas e dotacións para os lucenses”.
Así o expuxo o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante a xuntanza que mantivo hoxe co presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), Mauricio Repetto, e outros representantes da entidade para valorar os orzamentos autonómicos.
Balseiro incidiu en que estas contas responden ao principio de reequilibrio territorial e benefician a Lugo, que recibe o investimento por habitante máis alto de Galicia; “mentres o conxunto do orzamento en toga Galicia sube un 5,2 por cento, en Lugo superamos esta cifra en sete puntos”, asegurou.
Sinalou que “os orzamentos perseguen o desenvolvemento económico e o benestar social”, e que para o primeiro arbítranse unha serie de medidas que pasan por mellorar a oferta de chan industrial e as infraestruturas viarias, impulsar a rehabilitación ou establecer condicións favorables para o incremento e a diversificación do tecido produtivo.
Entre as partidas consignadas nos orzamentos, o delegado sinalou que se prevén case 2 millóns de euros para iniciar a ampliación do polígono das Gándaras. Actualmente estase ultimando a modificación do proxecto sectorial do polígono que posibilitará o comezo da segunda fase de urbanización da zona.
O delegado lembrou que haberá outros investimentos para incrementar a competitividade do chan industrial da provincia pero non aparecen territorializadas nos orzamentos. Así, a través dunha orde de subvencións no presente ano distribuíronse 1,3 millóns de euros entre 15 parques empresariais da provincia, incluído o de O Ceao, na capital.
En relación ás infraestruturas viarias, destacou que os orzamentos prevén 1,5 millóns de euros para o corredor da Costa, 1 millón de euros para iniciar o desdobramento do corredor entre Nadela e Sarria, ou 750.000 euros para os accesos ao Porto Seco, entre outros proxectos.
Igualmente, as contas recollen 1,8 millóns de investimento nas áreas de rehabilitación, e a construción de importantes dotacións como os novos servizos no barrio da Residencia (6,7 millóns de euros), ou o novo colexio do Sagrado Corazón (2,6 millóns de euros).
Todo elo sen esquecer, rematou Balseiro, os case 18 millóns que se destinan ao polo aeroespacial de Rozas, un complexo chamado a ser “un revulsivo económico para as comarcas de Lugo e a Terra Chá. Balseiro lembrou que, ademais das partidas territorializadas, existen numerosos programas de apoio para a creación e expansión das empresas que a Xunta convoca anualmente para contribuír “á xeración de emprego e de riqueza en Galicia”.