A Xunta propón un novo edificio para o centro de saúde e  unha zona verde para o Sagrado Corazón

Hoxe tivo lugar na delegación da Xunta en Lugo unha reunión á que asistiron o delegado territorial, Javier Arias; a alcaldesa, Paula Alvarellos; o xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; Óscar López, de OLA estudio, arquitecto autor do proxecto por encargo da Consellería de Sanidade, así como representantes e técnicos de ambas administracións. O motivo da reunión era presentar o proxecto que a Xunta de Galicia deseñou  para o novo centro de saúde do Sagrado Corazón, no que se propón a construción dun novo edificio, unha praza pública, novos accesos e zonas verdes, configurando unha área aberta ao entorno, integrada coa igrexa, as vivendas e outros espazos circundantes.

Arias apuntou que o Goberno galego quere “abordar a construción do novo centro de saúde como unha oportunidade de mellora urbana para o barrio, cunha proposta que non só da resposta ás necesidades sanitarias senón que contribúe a facer cidade, na liña da intervención realizada no barrio da Residencia”.

Así, elimínanse catro edificacións sen uso -entre elas dúas no perímetro xunto á igrexa-,  deixando en pé a principal, e no seu lugar créanse os accesos e espazos axardinados. Ademais, con esta medida resólvense os problemas de accesibilidade que sofren os veciños e veciñas do edificio que linda co vello patio escolar.

O delegado destacou que se trata dun proxecto urbano que cambiará o barrio, despexando unha zona que presenta unha excesiva densidade edificatoria, gañando espazos verdes e mellorando a conectividade porque se crean vías públicas para o tránsito de peóns, ambulancias e outros vehículos.

“O proxecto, que creo que tivo unha boa acollida tanto polo Goberno municipal como polos veciños, non se limita a deseñar o centro de saúde, senón que quixemos ir un paso máis alá e deseñar un espazo que cambie a dinámica urbanística e social desta zona, e por iso tamén espero a colaboración do Concello neste asunto de vital importancia para a cidade unha vez que se materialice a cesión dos terreos”, indicou o delegado.

Reunión cos veciños

Aproveitando a presenza dos técnicos e do redactor do proxecto, e dado que a Asociación de Veciños Sagrado Corazón solicitara unha reunión por este tema, Javier Arias reuniuse posteriormente con representantes desta entidade para explicarlles os pormenores da proposta.

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com