A Xunta de Galicia está ultimando un plan de reactivación autonómico para os sectores cultural e turístico, cun investimento de máis de 25 millóns de euros, co obxectivo de minimizar o impacto extraordinario que a parálise causada polo coronavirus supón na súa actividade.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia cos representantes dos xeodestinos da Mariña Lucense, Ribeira Sacra e Ancares-Courel así como do xeoparque Montañas do Courel, na que se expuxo a situación de partida e se valoraron as medidas a adoptar.
Ertes sector turístico
Balseiro explicou que nas últimas semanas presentáronse na provincia de Lugo 1326 Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTES) procedentes de empresas do sector turístico, e todos foron aceptados excepto un; afectaron a 4830 traballadores, deles 4745 con suspensión de contrato e o resto con redución de xornada. A este respecto cómpre lembrar que os traballadores afectados por ERTES que están pendentes do Goberno para cobrar as súas prestacións poden solicitar xa un anticipo á Xunta.
Reactivación do turismo
De cara á reactivación do turismo, o delegado afirmou que será clave “traballar na promoción de Lugo como destino seguro”, e entre as primeiras medidas subliñou o desenvolvemento dun Plan de seguridade hixiénico sanitaria para intensificar a confianza de traballadores e usuarios, ou o Plan de teleformación a través do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), que está a ser moi ben acollido polo sector, pois conta xa cunha quincena de cursos e máis de 2.000 inscritos.
Ao longo das últimas semanas, a Consellería de Cultura e Turismo recompilou as achegas de diversos axentes co fin coñecer as súas necesidades e telas en conta á hora de poñer en marcha as distintas iniciativas que formarán parte do Plan de Reactivación, dotado con fondos autonómicos e que será remitido a outras administracións para enriquecerse coas súas achegas. Neste sentido, será necesaria unha intensa colaboración público-privada para traballar no día despois, con medidas no curto, medio e longo prazo.
Balseiro lembrou que o Plan de reactivación para os sectores cultural e turístico da Xunta deberá ir acompañado dun plan nacional, algo xa solicitado ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.
Abr 29, 2020 - 08:23 PM
Pois moi fácil, un maratón do Luar na Telegaita do PP, e xa temos a programación cultural cuberta pa varios meses.