A Xunta vén de solicitar ao Goberno central a adopción de medidas a curto prazo e de impacto que permitan reanudar a actividade na central térmica das Pontes, así como o impulso dunha transición enerxética xusta e ordenada. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Madrid na
reunión convocada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica para avaliar a situación da central térmica das Pontes, á que tamén asistiron representantes da empresa e dos traballadores, así como o alcalde da localidade.
Conde lamentou a falta de propostas por parte do Goberno para reactivar a actividade e garantir o emprego na comarca e trasladou a vontade da Xunta de seguir traballando, de xeito conxunto, activamente para a identificación de solucións e a adopción de medidas que dean unha resposta a esta situación xa que, incidiu, non hai tempo. En concreto, o Goberno galego solicitou ao Estado traballar de xeito conxunto para conseguir reactivar a actividade na factoría -que leva cinco meses parada- e reclamou a posta en marcha de medidas a curto prazo como a eliminación do céntimo verde ao carbón, a redución da fiscalidade ou o establecemento de pagos por capacidade para as térmicas.
Conde incidiu, por outra parte, na necesidade de apostar por unha transición enerxética xusta e ordenada que non supoña unha ruptura enerxética e que non se traduza nunha destrución do tecido industrial galego e do emprego asociado. Neste sentido, a Xunta pide a posta en marcha do Plan de acción urxente da estratexia de transición xusta 2019-2021 destinado ás centrais en proceso de transición; así como a participación de Galicia na plataforma europea de rexións afectadas polo peche de centrais térmicas. O obxectivo é que a Comunidade estea presente nestes grupos de traballo para a busca de alternativas socioeconómicas a futuro.