A provincia de Lugo conta con 29 novas brigadas para a prevención e loita contra os lumes forestais, cada unha delas con catro compoñentes e, polo tanto, 116 traballadores que reforzan este servizo de protección dos nosos montes.
Trátase de persoal, na súa inmensa maioría, que formaba parte das antigas brigadas de verán que dependían da empresa pública Seaga e que agora foron integrados directamente pola consellería do Medio Rural, que unificou as listas de contratación.
Entre as vantaxes desta integración está, por exemplo, a ampliación da duración dos contratos: O ano pasado traballaron 4 meses, este ano foron contratados por 5 meses (ata finais de ano) e a partir de 2020 e cara o futuro, traballarán medio ano, isto é, durante seis meses.
As brigadas contan con catro compoñentes: xefatura de brigada, peón condutor e dous peóns máis, que realizan distintas funcións, principalmente labores de extinción en caso de incendios forestal e outras medidas preventivas en caso de necesidade.
Hai novas brigadas en todos os distritos forestais da provincia de Lugo: 4 na Mariña lucense, 7 no distrito de Fonsagrada e Os Ancares, 7 en Terra de Lemos, 6 no distrito de Lugo-Sarria e 5 brigadas na Terra Cha.
As antigas brigadas de verán que contrataba Seaga servían para reforzar durante o verán as que Medio Rural ten operativas ao longo do ano, así como as que contrata en réxime fixo-descontinuo, polo tanto, constitúen un operativo de reforzo.
Sumando estas novas brigadas, este ano, o operativo de verán na provincia de Lugo está integrado por uns 1.300 efectivos, entre persoal da Xunta, dos concellos, e o persoal contratado para as brigadas helitransportardas.