A Xunta reforzará o persoal de información nas catedrais durante as pontes de maio

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural contará con persoal de apoio na praia das Catedrais para realizar labores informativos e de vixilancia nos accesos ao monumento natural durante as pontes do 1 e do 17 de maio. Así o avanzou esta tarde a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a súa intervención no Parlamento para informar das actuacións impulsadas pola Xunta na zona tras o accidente do pasado 31 de marzo.

Esta medida, tal e como explicou, súmase ao reforzo realizado xa nas últimas semanas na difusión da normativa de uso público do espazo, dos riscos e das prohibicións a través da instalación de máis carteis e paneis informativos no monumento natural e das melloras introducidas na ordenación e sinalización dos sendeiros de acceso.

Así mesmo, Beatriz Mato lembrou que unha das principais decisións que adoptou de inmediato o seu departamento foi encargar un novo estudo xeotécnico á Universidade da Coruña para coñecer o estado das Catedrais, con datos concretos e actualizados sobre a súa estabilidade.

O equipo redactor, engadiu, está a ultimar xa o informe preliminar que servirá de base ao estudo definitivo e cuxas conclusións serán trasladadas ao Concello de Ribadeo e á Dirección Xeral de Costas co fin de que cada organismo poida valorar a adopción de novas medidas.

Neste sentido, a conselleira incidiu en que despois do accidente e sempre dentro das súas competencias en materia de protección do enclave natural, a Xunta traballou para mellorar e reforzar as medidas adoptadas con anterioridade, mantendo aberta en todo momento unha vía de diálogo e coordinación coas outras administracións implicadas: o Concello de Ribadeo, como xestor do areal, e a Dirección Xeral de Costas, titular do dominio público.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com