A Xunta require ao Concello que repare de urxencia o burato da estrada a Portomarín

A Xunta de Galicia enviou o pasado 15 de xuño un requirimento ao Concello de Lugo solicitándolle a reparación provisional de urxencia do burato que afecta á metade dun carril dunha rotonda na estrada LU-612 (Lugo-Portomarín), nos accesos ao barrio da Ponte, e lembrándolle que para a reparación definitiva debe solicitar autorización autonómica. A data de hoxe, o concello non enviou ningunha comunicación ao respecto. 

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda remitiu este escrito, por medio da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), ante a inacción do Goberno local, que non comunicou oficialmente a situación nin solicitou autorización para resolvela. Os danos son consecuencia dunha actuación na rede municipal de abastecemento e da deficiente execución do tapado provisional, polo que a responsabilidade de emendalos recae sobre o concello.

No seu escrito, a Consellería explicaba que o furado existente na calzada “presenta un grave perigo para a seguridade viaria debido á súa profundidade” e que ademais “a sinalización instalada é incorrecta e deficiente”. Ao mesmo tempo, a AXI indicaba no requirimento que “para a reparación definitiva terán que solicitar a este Servizo Provincial a correspondente autorización, na que se indicarán as condicións que deberán cumprir as obras”.

Engadía que “ademais, de forma inmediata, deberán sinalizar correctamente a zona segundo a norma 8.3-IC de sinalización de obras”. E para finalizar, recollía que “no caso de darse os condicionantes precisos, poderíase iniciar o expediente sancionador oportuno por infracción moi grave á Lei de estradas de Galicia e ao seu regulamento”. A Consellería de Infraestruturas continúa á espera de que o concello cumpra estas especificacións, e avanza que resolverá e trasladará ao concello con dilixencia as condicións en que deberá executar a reparación definitiva tan pronto como reciba a solicitude de autorización na que o Goberno local explique a intervención que prevé realizar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com