A Xunta saca a licitación por 140.000 euros o proxecto da vella residencia

A Consellería de Sanidade, a través do Servizo Galego de Saúde, vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se anuncia a licitación da contratación do servizo de redacción do proxecto e da dirección de obra para construír o primeiro centro integral de saúde de Galicia, que estará emprazado no barrio da residencia, da cidade de Lugo

O Goberno galego reserva para este fin 140.353,68 euros, dun orzamento total que superará os sete millóns de euros e que suporá actuar sobre unha superficie de máis de 5.600 metros cadrados. O prazo de execución desta actuación está previsto en catro meses, e o obxectivo xeral é poder ter a finais de 2019 concluídas as obras.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, puxo en valor o cumprimento da palabra dada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, que na recente presentación pública do proxecto de remodelación do barrio da residencia comprometéronse a impulsar este novo trámite –a licitación do proxecto construtivo- ao longo deste mes.

Centro integral de saúde

Continúa avanzando deste xeito este ambicioso proxecto chamado a transformar a cidade e dotala de novos servizos, especialmente no ámbito sanitario. De feito, o delegado territorial lembrou que a nova infraestrutura concentrará nun mesmo edificio todos os servizos dunha sanidade pública de primeiro nivel: o Servizo de Saúde Mental, a base do 061, o Punto de Atención Continuada e un moderno centro de saúde.

O futuro centro integral de saúde tamén permitirá poñer ao servizo dos lucenses espazos máis amplos e modernos que contarán cun novo servizo de fisioterapia, con melloras no servizo de odontoloxía e coa concentración de toda a atención de obstetricia e xinecoloxía.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com