A Xunta salienta a participación de Sargadelos no programa deseño para a innovación 2020

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou a empresa de cerámica Sargadelos para coñecer in situ o renacer que está vivindo a compañía vencellado ao deseño e á innovación.

Argerey destacou o papel de Sargadelos como firma de referencia en Galicia no ámbito do deseño, a innovación e a promoción da cultura galega e agradeceu a súa colaboración no programa Deseño para a Innovación 2020, que a Xunta está desenvolvendo con todos os axentes do sistema de innovación.

Sargadelos constitúe, en palabras de Argerey, un exemplo de empresa que aúna o deseño e a innovación desde os seus inicios. De feito, as Reais Fábricas de Sargadelos, postas en marcha por Raimundo Ibáñez nos séculos XVIII-XIX, foron un dos primeiros exemplos de industrialización en Galicia. Ao que seguiu o proxecto retomado por Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane a creatividade e a innovación cobraron aínda máis forza, coa creación do Laboratorio de Formas que xuntaba a investigación e o deseño tradicional galego e a innovación na produción.

Actualmente, a empresa está a experimentar un relanzamento grazas á incorporación da innovación e do deseño en todas as súas vertentes e coa apertura de novas liñas de produción como mantelaría e marroquinaría.

A Xunta, deste xeito, busca a colaboración do grupo empresarial, como un referente no ámbito do deseño e da innovación, na rede de axentes, unha das primeiras actuacións dentro do programa Deseño para a Innovación 2020, unha iniciativa que forma parte do Plan Galicia Innova 2020..

Os obxectivos deste programa son: mellorar o coñecemento e a comprensión do deseño como un factor estratéxico para a innovación e a competitividade empresarial máis aló do seu valor estético; capacitar a empresas e emprendedores para que invistan en deseño e promovan a innovación en novos produtos, servizos, procesos e estratexias de negocio; e poñer en valor a figura do deseñador industrial como elemento clave na diferenciación das empresas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com