A Xunta traballa pola seguridade no sector forestal

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe en Lugo nunha xornada organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) sobre prevención de riscos laborais no sector forestal na que presentou as actuacións que está levando a cabo a Xunta neste ámbito. Na xornada tamén participou o director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), José Ignacio Lema Piñeiro.

Así, indicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do ISSGA, vén de activar a aplicación móbil Alerta ISSGA na que se recollen as principias recomendacións a seguir para acadar neste eido un traballo máis seguro e, polo tanto, de máis calidade e máis competitivo. Trátase dunha APP coa que se pretende chegar de xeito accesible e doado aos traballadores.

Toca, así mesmo, explicou que o ISSGA constituíu un grupo de traballo formado por técnicos do ISSGA, dos servizos de prevención propios das principais empresas madereiras de Galicia e de Confemadera no que se elaboraron dous documentos técnicos con consellos no ámbito da prevención de riscos laborais para os traballos que se desenvolven ante árbores sentadas e ante árbores apoiadas enganchadas. O obxectivo das dúas publicacións é dar solución ás necesidades demandadas polo sector dun xeito didáctico e comprensible.

O Instituto, ademais, elaborou vinilos con información básica das medidas de emerxencia e do protocolo PAS (Protexer, Avisar e Socorrer) a seguir ante un sinistro no monte coa finalidade de que se coloquen nos vehículos que se utilizan para traballar no monte. A secretaria xeral de Emprego afirmou que o obxectivo destas actuacións é “buscar unha maior eficacia na loita contra a sinistralidade laboral no sector forestal, un ámbito polo que a Xunta está apostando para incrementar o potencial da súa industria”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com