A Xunta tramitou en dous anos máis de 8.300 consultas e reclamacións no Instituto Galego de Consumo en Lugo

A Xunta de Galicia tramitou nos dous últimos anos 4.125 consultas e 4.188 reclamacións na oficina do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) en Lugo; en concreto, 5.144 expedientes corresponden ao ano 2020 e 3.169 ao 2021. Así o explicou hoxe o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, no punto informativo instalado pola Xunta na rúa Bispo Aguirre con motivo do Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras. Ao longo da mañá, desenvolveuse unha campaña na que se invitaba á cidadanía a testar canto sabe sobre os dereitos que lle asisten como consumidor.

Arias fixo entrega dos premios do concurso “Entender a factura da luz”, realizado entre alumnos de 4º da ESO dos centros educativos de Galicia. En Lugo resultaron gañadores Génesis Dashira Garcias, do IES Xoán Montes; Aroa Presno Fernández, do colexio María Auxiliadora, e as alumnas Alba Vellabona López, Xiana Longarela Yáñez, e Silvia Fernández Torres, do IES Ánxel Fole. Os premios consisten en vales de 100 euros para gastar nas librerías que escollan.

Complementariamente, realizáronse accións formativas no IES Río Cabe de Monforte de Lemos e na Escola de Educación Infantil San Roque de Viveiro.

Igualmente, a Xunta establecerá os Venres de Consumo Responde, unha convocatoria con vocación de permanencia todo o ano mediante a cal todos os venres, ás 12.30 horas, celebraranse a través da aula virtual de Consumo charlas abertas sobre un tema concreto para que a cidadanía poda consultar as súas dúbidas. Este venres 18 de marzo inaugúranse cunha charla virtual sobre a factura da luz, na que se pode participar no enlace https://formacion-consumo.xunta.gal.

O delegado explicou que o obxectivo destas campañas é “convidar á cidadanía a coñecer máis sobre os seus dereitos como persoas consumidoras e sobre as ferramentas que a Xunta pon ao seu dispor para asesorarlle, acompañarlle e, en último caso, axudarlle a restituír os seus dereitos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com